No xacemento de Caldoval atopamos unha adaptación doméstica do que serían as termas públicas de Roma. No mundo romanos os establecementos públicos recibían varios nomes, thermae, balineum, balneae, balnea…
Thermae, era a denominación habitual dos grandes complexos, propiedade do estado ou das cidades, que comezaron a ser construídos en Roma xa na época imperial. Os balnea adoitaban ser instalacións máis modestas, unhas veces baños domésticos e outras termas de propiedade privada, pero de uso público e con menos servizos que as termas imperiais. Todas estas instalacións usaban auga corrente quecida artificialmente.
O gusto polos baños e os circuítos de auga quente @s roman@s herdárono do mundo grego, onde era moi habitual tomar as augas logo de exercitarse no ximnasio como parte do seu culto ao corpo. Pero foi o xeneral Agripa, no 27 a.C., quen lles deu outra dimensión ao construír os primeiros grandes baños públicos en Roma, no campo de Marte trala finalización do acueduto Aqua Virgo. Pasaron entón a contar con moitas máis estancias e servizos, e comezaron a ser moi populares entre a cidadanía. Era habitual que os emperadores construísen termas máis fastuosas que os seus predecesores para gañar o favor dos romanos e romanas. As máis grandes e importantes foron as de Caracalla, Diocleciano, Nerón, Tito e Traxano; nalgunhas delas podían estar ata 3.000 persoas simultaneamente.
Nas termas públicas podía entrar todo o mundo, mesmo @s escrav@s, que eran @s encargad@s de realizar diferentes servizos para @s don@s: gardarroupas, masaxe, depilación… e se lles restaba tempo podían incluso bañarse. Ir ás termas era un acto central da vida romana. Alí non só se tomaban as augas; tamén establecíanse relacións sociais e comerciais, xogábase, líase, cantábase, danzábase… Un verdadeiro centro sociocultural, con bibliotecas, tendas e museo, que cumpría unha función hixiénica pero tamén recreativa e deportiva.
As termas públicas abrían normalmente ao mediodía cando as estancias estaban caldeadas e pechaban ao anoitecer. Un administrador estaba ao seu cargo, o conductor ou balneator, e nelas había persoal especializado para cada un dos traballos: un capsarius que cobraba a entrada (o que unha botella de viño no séc. I d. C.), o fornacator, que mantiña o lume do hipocausto, o unguentarius que facía masaxes e aplicaba aceites aromáticos, e o alipilus que se ocupaba da depilación d@s usuari@s. Segundo a época e características do edificio, as termas podían ter horarios diferenciados para homes e mulleres, circuítos independentes, ou ser mixtas sen ningún tipo de separación.
As grandes termas públicas romanas eran verdadeiros complexos de ocio. A media tarde era normal que toda a poboación se dirixira a elas para participar dos numerosos deportes de pelota que tiñan lugar na palestra (ou no sphaeristerium), divertirse cos xogos de mesa (calculi), cultivarse con algún libro na biblioteca, mercar produtos na tenda (tabernae), ou simplemente desfrutar da conversa e a discusión política paseando polos seus patios e xardíns. Caldoval é unha réplica a pequena escala deste conxunto termal dedicado ao coidado corporal e á práctica deportiva.
Tamén existían outros tipos de instalacións públicas que usaban augas mineromedicinais tal como saían da terra. Os lugares xeralmente identificábanse co topónimo Aquae (Aquae Sulis, Aquae Querquennae, Aquae Calidae…). Os romanos devecían por este tipo de augas e de feito no noroeste a maior parte dos mananciais termais foron aproveitados en tempos da conquista. Algúns contaban con grandes edificios como as termas de Lugo ou as de Carballo. Este tipo de establecementos adoitaban ter unha función máis ben salutífera e até relixiosa.