Os baños de Caldoval semella que formaban parte dunha dunha Villa Romana habitada dende o século I d.C ao V d.C. Concretamente trátase dunha Villa a mare, situada na zona da costa mugardesa chamada Punta Promontorio. As villae en esencia eran grandes facendas agropecuarias das elites terratenentes romanas. Un modelo de explotación do territorio que foi «exportado» tamén aos territorios conquistados, entre eles ao noroeste da Península Ibérica.
Na área Galaico-romana alén dos establecementos agrícolas atópanse toda unha serie de instalacións dispersas pola costa que se dedicaron a diversas labores relacionadas co aproveitamento do medio mariño: salinas, industrias de salga, elaboración de salsas de peixes, pequenos portos comerciais… Este parece ser o caso da vila de Caldoval e tamén da veciña vila de Noville, localizada na zona d’O Seixo, concello de Mugardos, que foi escavada a finais da década de 1980. O achado atópase soterrado e bastante afectado polo efecto das mareas, e está á espera de ser restaurado e posto en valor.
Os produtos obtidos nestas explotacións eran logo distribuídos a outras poboacións próximas como a capital de conventus Lucus Augusti (Lugo) por terra, a través das vías romanas, e por mar a outras zonas do Imperio, empregando portos como o de Brigantium (A Coruña).
Na vila adoita destacar a vivenda d@ propietari@ (dominus), normalmente dotada de tódolos luxos que lle permitía a súa posición económica. De feito era moi habitual que @s don@s pasasen tempadas nestas residencias de campo procurando a tranquilidade e os beneficios dunha vida equilibrada lonxe do balbordo das cidades.
A estrutura da vila romana seguía as pautas da domus, a casa típica romana, pero contaba ademais con dependencias axeitadas ao uso agrícola. As Villae adoitaban ter tres zonas diferenciadas: a pars urbana, a pars rústica, e a pars frumentaria. A primeira corresponderíase coa domus; a zona de vivenda do propietario (dominus). Era a parte nobre do conxunto e alí se atopaban as habitacións (cubicula), o comedor (triclinium), o despacho (tablinium), o atrium, o peristilum, etc… Nesta zona tamén se atoparía o circuíto termal ou balneum. A pars rústica estaría formada por estancias destinadas á vivenda da man de obra, ben escrav@s ben colonos, aos cortellos para animais, alpendres para os apeiros de traballo, cociñas, fornos, etc… e residencia do capataz da explotación (uilicus) e mais do administrador da propiedade (procurator). A pars frumentaria estaba formada por todas aquelas dependencias para o almacenaxe e tratamento da produción agrícola ou acuícola: bodegas, silos, celeiros, lagares, etc… e os campos destinados ao cultivo (hortas, agras, salinas, frutais, etc…).
Os baños de Caldoval eran unha parte fundamental da Villa Romana da que formaban parte. Eran unhas instalacións dedicadas á hixiene, pero tamén, xunto coa palestra e o pórtico, ao coidado do corpo, á práctica do deporte e ao ocio en xeral (otium). Porén tamén podían ser usados para os «negocios», posto que eran zonas onde se recibían aos clientes e distribuidores, e onde se realizaban reunións (negotium) mentres se desfrutaba do baño e das masaxes.