Balnea ou balneum en singular é como se denominaba habitualmente aos baños privados das villae e das vivendas urbanas das clases privilexiadas romanas. Un conxunto de estancias frías e quentes adaptado ao uso doméstico a partir das termas públicas romanas. O que inicialmente comezou sendo un modesto cuarto de aseo chamado lavatrina, situado a carón da cociña (culina) para aproveitar a auga quente, evolucionou a partir do século II a.C. cara un verdadeiro complexo doméstico de uso xa non só hixiénico, senón tamén recreativo e até salutífero. O feito de poder contar cuns baños na vivenda pasou a constituír pronto un elemento de prestixio e ostentación para as elites de Roma e das súas provincias.
Pero todo isto só foi posible despois da invención de Gaius Sergius Orata dun sistema de calefacción radiante chamado hypocaustum. Este enxeñoso deseño permitía, a través dunha cámara de aire subterránea quecida por un forno externo (praefurnium), regular a temperatura das estancias segundo a súa proximidade á fonte de calor. O aire quente ascendía ademais por paredes ocas especiais (concamerationes) feitas con ladrillos tubulares (tubuli), quentando as estancias de maneira moi eficaz.
A esencia dos baños romanos basease na realización do chamado circuíto termal, que consiste en ir transitando por habitacións con diferentes temperaturas de maneira gradual, sometendo o corpo a baños de auga fría e de auga quente de maneira sucesiva.
A primeira sala do circuíto termal era o vestiario ou apodyterium, onde @s bañistas cambiaban as vestimentas e agardaban quenda para entrar nas estancias quentes. Nos baños privados o vestiario adoitaba formar parte das estancias frías, como é o caso de Caldoval, pero tampouco era estraño que estivera lixeiramente aquecido mediante un hipocausto ou con sixelos braseiros.
O seguinte paso era entrar na sala morna ou tepidarium, normalmente cunha temperatura preto dos 30º, para aclimatar o corpo. Este podía ser tamén o lugar no que @o bañistas aplicaban sobre a pel ungüentos e aceites aromáticos. Despois @ bañista pasaba á sala quente, denominada de maneira xenérica caldarium. Esta estancia era unha auténtica sauna que podía acadar unha temperatura de 55º e estaba destinada a abrir os poros da pel e provocar a suor. Podía tratarse tanto dunha sauna de calor seco (sudatorium) como de vapor (laconicum). Era habitual a existencia no caldarium dunha piscina ou bañeira de auga quente, a uns 40º, para a realización de baños de inmersión. En Caldoval semella que debeu estar situada nun pequeno espazo de 1,40 x 2m anexo á parte norte.
Rematado o baño quente, o normal era desandar o itinerario e volver á sala morna, onde se limpaba a suor e as impurezas co strigilis e rematábase o circuíto na sala fría (frigidarium). Alí case sempre había unha piscina (natatio) ou bañeira (alveus) de auga fría onde se introducía @ bañista para pechar os poros e cortar a suor completando así o circuíto termal. En Caldoval esta bañeira é unha pequena estancia cadrada de 2x2m que se atopa, magnificamente conservada, no extremo norte do apodyterium.