Benvid@ ao Centro de Interpretación de Caldoval. Un proxecto museográfico no Concello de Mugardos, A Coruña, que pon en valor o xacemento romano descuberto na enseada de Santa Lucía. Ata agora trátase dos únicos baños privados con palestra descubertos en todo o noroeste peninsular. Un complexo dedicado á hixiene, á saúde, ao ocio e probablemente tamén á práctica deportiva. Un balneum rural doméstico que formaba parte dunha villa a mare, habitada entre o século I e o V. d.C, en época do Imperio Romano.
A través das visitas guiadas e os obradoiros para grupos e familias poderás descubrir como vivían e se coidaban @s habitantes da Galicia romana. Coñecerás como funcionaban os baños; cal era o uso e características de cada unha das estancias do circuíto termal; as vestimentas que levaban os bañistas; que facían nos seus momentos de ocio; os deportes que practicaban e as súas regras, os xogos de mesa e azar máis populares, e moitas outras cousas interesantes adaptadas a calquera idade e tipo de visitante.
Bótalle un ollo á nosa web e organiza a túa visita!