Tanto nen@s como maiores pasaban o tempo entreténdose con numerosos e variados xogos que se diferenciaban por idades. Os ludi minores para os máis pequenos, os ludi puerorum para @s nen@s grandes, e os ludi maiores para @s adult@s. Os máis populares eras os xogos de mesa, os chamados xogos de calculi ou ludus calculorum que recibían o seu nome das pedriñas (cálculos) que utilizaban como fichas. Un dos xogos máis populares era o “cinco en liña” que consistía en aliñar cinco pezas sobre un taboleiro de casiñas cadradas. Este tamén era empregado para xogar ao latrunculi, ou xogo dos ladróns, que era un entretemento de estratexia semellante ao que hoxe coñecemos como xadrez. Outro xogo de referencia militar sería o alquerque ou muíño que era semellante ás damas. Xogábase nun taboleiro con tres cadrados concéntricos conectados nos vórtices e non se podía retroceder. Consistía en acabar coas fichas d@ contrari@ saltando por riba delas cando houbese un espazo libre a continuación.
Nas termas e nos balnea romanos era habitual pasar o tempo de lecer cos xogos de mesa. En Caldoval atopáronse varias fichas de cerámica que seguramente foron utilizadas para xogar baixo o pórtico da zona exterior ou mesmo no apodyterium ao pai-fillo-nai (termi lapili). Outro dos xogos moi populares eran os de azar, que estaban prohibidos, pero aos que igualmente se apostaban sumas de diñeiro. Para estes utilizaban os tesserae ou dados romanos de seis caras, e tamén tiñan outros marcados tan só por catro caras chamados tali. A “cara ou cruz” era chamada capita aut navia, posto que por un lado da moeda sempre había unha cara e pola outra un barco de guerra. Tamén empregaban pequenos ósos de animais para xogar ás tabas (talus); e ás canicas xogaban cos ocellates ou con pequenas pezas redondas. As fichas para este xogos podían estar feitas de arxila, de óso, ou de pasta vítrea. Pero existían múltiples e variadas actividades lúdicas que se practicaban no contexto dos baños termais, moitas delas para @s máis pequen@s, como o montar un pau de cana como se fora un cabalo; á carretiña; unha especie de pita (andabate); os balancíns ou oscilum; meter grilos en caixiñas; xogar á corda ou funem traere; á cometa; ás agochadas ou recessum facere; facer pequenas representacións cos monicreques; a pares ou nones; ao triángulo de noces; á rá ou seriae; á buxaina ou buxus; ao io-io… Como poderás comprobar, non se aburrían.