O xacemento de Caldoval é ata agora o único baño doméstico (balneum) con palestra atopado en todo o noroeste peninsular. Uns restos romanos en gran estado de conservación que pertencen a unha Villa a mare atopada na enseada de Santa Lucía, en Punta Promontorio, no Concello de Mugardos. Esta residencia rural pertenceu seguramente a un/unha persoa da elite galaico-romana, quizais un/unha ric@ comerciante ou alguén dedicad@ á explotación de produtos mariños como as salgaduras de peixe, moi frecuentes por toda a costa galega e mesmo na ría de Ferrol, no xacemento da enseada de Cariño. Estivo en funcionamento entre os séculos I. e V d.C., na época do Imperio Romano, e era habitual que a persoa propietaria non vivira permanentemente na Vila, deixando a administración da mesma a cargo dun villicus.
As escavacións realizadas entre o 2001 e 2006 nos terreos da empresa gasística Reganosa, identificaron dúas zonas con restos de construcións romanas. A primeira zona é o denominado Sector 1, no que se atoparon até 5 estancias que parecen estar relacionadas con actividades produtivas e comerciais. A parte musealizada correspóndese co Sector 2, un edificio termal dedicado á hixiene, á saúde corporal e probablemente tamén á práctica do deporte. Algunhas construcións do xacemento estaban afectadas polo efecto das mareas. Temos que ter en conta que a liña de costa ten sufrido diversas alteracións desde a época romana. Moitas das dependencias domésticas como a cociña (culina), as habitacións (cubiculi), etc.., non foron identificadas.
PALESTRA
Un dos elementos máis destacados do balneum de Caldoval é o gran patio exterior rodeado de muros localizado na zona orientada ao mar. Segundo algúns arqueólogos podería tratarse dunha palestra. Un espazo que no mundo romano adoita estar dedicado á práctica deportiva, ao exercicio, os xogos de pelota, pero tamén ao paseo e ao ocio en xeral. O interese deste recinto ten que ver co feito de que as palestras aparecen frecuentemente en termas públicas, pero son moi escasas en baños domésticos como o de Caldoval.
Nun lateral do patio atópase unha zona porticada que frecuentemente era usada como espazo complementario á palestra e nela podíanse realizar algúns exercicios físicos, practicar xogos de mesa e outras actividades de lecer, especialmente nos momentos en que as condicións climatolóxicas non permitían o uso da área exterior. Nesta zona do pórtico foi encontrada unha estrutura cónica de ladrillos de uso non identificado. Podería tratarse dun impluvium ou colector de augas, ou dunha fonte para refrescarse, pero a súa funcionalidade aínda non puido ser confirmada.
FRIGIDARIUM
Na zona dos baños propiamente dita, temos o conxunto das estancias frías chamado frigidarium. En Caldoval esta parte do balneum está formado polo vestiario ou apodyterium, (onde se poñían as roupas de baño, realizábanse masaxes, e agardaban quenda para entrar nas estancias quentes) e máis a bañeira de auga fría ou alveus. En realidade non se trata dunha bañeira como podamos entendela hoxe; máis ben é un cubículo cadrado que podía ter as dimensións dunha piscina, nese caso chamaríase natatio. O alveus de Caldoval está en moi bo estado, conservándose incluso o revestimento opus signinum do fondo; motivo polo cal decidiuse trasladar esta peza enteira mediante unha técnica de encofrado. O circuíto termal continuaba no tepidarium ou habitación morna. En Caldoval ten a peculiaridade de ser probablemente reconvertida nalgún momento en sudatorium ou estancia quente seca, posto que hai un praefurnium (sistema de calor por combustión externa típico das termas romanas), dun momento posterior.
CALDARIUM
O caldarium está formado polo conxunto das salas quentes, que son calefactadas grazas ao hypocaustum. Este sistema, inventado polo enxeñeiro Gaio Sergio Orata, consistía nunha cámara de aire baixo o chan alimentada pola calor do forno exterior. Está sostida por columnas ou pilae de ladrillos que serven de apoio para a base chamada suspensura, formada por outros ladrillos chamados bipedalis (de 2×2 pés romanos). O hipocausto aparece tapiado na súa conexión coa sala quente primitiva, onde se sitúa a apertura do primeiro praefurnium, de aí a hipótese do cambio de uso da sala tépeda. O caldarium en Caldoval pode estar formado por un laconicum, ou sala de vapor a 55º, e un alveus de auga quente, a uns 40º. O normal despois era desandar o camiño cara a sala morna e finalizar os baños no alveus de auga fría para pechar os poros.
No xacemento de Caldoval tamén podemos ver as vías de evacuación das augas. Unhas canles feitas con base de lousa e laterais de xistos que se dirixen ao mar. Estas canalizacións colectarían as augas pluviais e as augas sucias que sairían das bañeiras; nas que se atoparon orificios de saída e unha tubaxe de chumbo.