@s roman@s aprenderon d@s greg@s moitos dos seus costumes e formas de ver a vida. Entre eles o culto ao corpo como parte da súa saúde física e mental. Formaba parte da formación cívica e humanística dos mozos e mozas. Unha importante parte do día era dedicado á práctica do deporte, aos baños termais e ao coidado corporal. Pero, a diferenza d@s greg@s que tiñan á ximnasia como unha práctica disciplinada de perfección humana; na Roma Antiga gustaban máis dos exercicios militares e dos xogos de pelota. Unha faceta máis lúdica do deporte que @s roman@s colleron das tribos etruscas afincadas no que hoxe sería a Toscana. Estas comunidades facían prácticas deportivas rituais en ofrenda aos deuses/as. Nelas participaban indistintamente homes e mulleres e podían incluír espectáculos teatrais, danzas, cantos, loitas, etc… Delas nacerían o que serían os grandes xogos romanos, os ludi: carreiras de carros (circenses), simulacros de caza (venationes), teatro (scaenici)…; celebrados en datas concretas do ano en ofrenda a algunha deidade ou en conmemoracións militares.
En época imperial, o atletismo na palestra era un complemento importante aos baños, principalmente nas termas públicas. Servía para previr a obesidade na poboación a través de exercicios ximnásticos e competicións deportivas. Era habitual non portar vestimenta, por respecto aos deuses/as, e por cuestións prácticas. Coidaban o seu corpo con distintas clases de ungüentos e produtos cosméticos. A estética era moi importante para @s roman@s. Homes e mulleres utilizaban maquillaxe para embelecer a súa pel. Os canons de beleza daquel tempo procuraban un corpo de pel branca que conseguían con diferentes misturas, algunhas delas a base de la de ovella, fariña de fabas, e óxido de estaño. Tamén empregaban colorete, carmín, perfiladores, sombras de ollos, peiteadores de cellas, e todo tipo de cremas para as engurras feitas cos máis insospeitados ingredientes. A depilación era habitual nas persoas adultas. Realizábase con pedra pómez ou cunhas pinzas chamadas forcipes aduncae. Non descoidaban tampouco a hixiene bucal, cunha pasta dentífrica a base de vinagre ou loureiro. En calquera caso, estas prácticas estéticas eran consecuencia dunha gran cultura do corpo. Eran moi conscientes de que o coidado corporal era moi importante para a súa saúde e benestar.