Publicado o 26/10/2025
NA VII XORNADA SOBRE A MUGARDOS ROMANA VIAXAMOS UN ANO MÁIS ATA A ÉPOCA ROMANA NA RÍA DE FERROL O Centro de Interpretación de Caldoval celebrou onte, sábado 25 de outubro, a VII Xornada sobre a Mugardos Romana cunha boa acollida por parte do público que se achegou para desfrutar do ciclo anual de conferencias. Unhas 30 persoas acudiron aescoitar a especialistas que compartiron o seu saber sobre o período histórico da Antiga Roma e a súa pegada na nosa contorna. O acto inaugurouse co discurso de apertura realizado por Begoña Gómez, concelleira de cultura da vila de Mugardos, que salientou o esforzo do centro de interpretación na divulgación do patrimonio romano do municipio e agradeceu a asistencia aos alí reunidos. A primeira conferencia, titulada O Arqueódromo: aprender arqueoloxía coas mans na terra, correu a cargo de Lucía Brage Martínez, doutora en Protección do Patrimonio Cultural e responsable do Arqueódromo de Ferrol, unha nova experiencia para aprender sobre os distintos aspectos do traballo en arqueoloxía que seguro sorprendeu a moitos dos asistentes. Acudindo por segunda vez ao museo como poñente falou María J. Loira Enríquez, doutora en Arqueoloxía e profesora da UNED A Coruña, cunha conferencia titulada A ría de Ferrol: un territorio a favor da romanización. Nela destacou a natureza da ría de Ferrol como enclave idóneo para unha intensa actividade en época romana, e a importancia de seguir investigando o territorio no seu conxunto para conseguir entender mellor o noso pasado. Tras unha breve pausa para o café a media mañá, a palabra foi para Adrián Mirón Chaos e Alejandro Barrio Arias, atletas da asociación Agon Divulgación de recreación histórica de Lugo, que participaron por primeira vez cunha intervención titulada O deporte romano na actualidade, notas culturais. Aportaron unha nota inspiradora ao falar da práctica deportiva en relación á palestra atopada no xacemento de Caldoval, transmitindo a importancia de recuperar os ideais clásicos de esforzo e superación que guían o seu traballo. Tamén houbo tempo para que as persoas asistentes coñeceran os obxectos que usan na práctica deportiva, como as halteras -pesas coas que realizan o salto de lonxitude-, ou o escudo co que fan carreiras. O público puido intervir na mesa redonda coa que rematou esta VII Xornada sobre a Mugardos Romana, momento no que se formou un interesante debate sobre a investigación arqueolóxica e a divulgación patrimonial. Así foi a VII Xornada sobre a Mugardos Romana



