Artigos Recentes

Publicado o 25/09/2026

IX NOITE DE ESTRELAS: ASÍ FOI

 IX Noite de Estrelas

O pasado sábado 19 de setembro de 2026 celebrouse a IX edición da Noite de Estrelas no Centro de Interpretación de Caldoval. Esta observación astronómica é dende hai tempo a actividade estrela do verán, e un ano máis o demostrou. O público desbordou as nosas mellores previsións para un mes de setembro, posto que a Noite de Estrelas adoitamos facela en agosto, a priori un mes máis favorable para pasar tempo no exterior a esas horas. Pero volvemos ter récord de reservas e os datos finais dan como resultado 120 persoas interesadas -segundo as solicitudes de información durante todo o verán, chamadas e correos electrónicos para anotarse nesta cita- e unha asistencia final de 93 persoas.

Se ben a actividade estaba prevista para unha capacidade de 50 persoas, finalmente, e de xeito extraordinario, levamos a cabo dúas quendas, o que supuxo poder recibir tamén a persoas da listaxe de agarda. Isto foi posible grazas á boa disposición do astrofísico Borja Tosar, encargado de dirixir esta edición de 2026. O ceo despexado permitiu contemplar multitude de estrelas, constelacións e ata obxectos do ceo profundo, moitas das cales aluden á mitoloxía grecolatina, polo que Borja detívose para contarnos esas historias que seguen a fascinarnos máis de 2000 anos despois, cando unha persoa galaico romana puido contemplar este mesmo ceo…

A observación astronómica comezou este ano coa visión da lúa crecente a través do telescopio, o que permitiu ver en detalle os tres compoñentes máis característicos do astro -cráteres, mares e montañas- cunha definición altísima que non deixou a ninguén indiferente. Borja afondou na importancia histórica de cada astro do ceo, guiando a nosa mirada a continuación a constelacións como a Osa Maior, que posúe un amplo abanico de mitos asociados a ela en distintas épocas e lugares do mundo, se ben a que máis nos interesa como xacemento romano é a súa mitoloxía grecolatina, da que somos herdeiros. Tamén amentou a mitoloxía local, falando da versión de Orión e como no noso territorio as estrellas do seu cinturón eran vistas como tres leiteiras, mulleres que non hai tanto tempo  cargaban o leite de noite e ían acompañadas polas estrellas no seu longo camiño cara o mercado.

Dende aquí viaxamos á estrela polar, que marca o norte, e foi durante milleiros de anos un elemento fundamental para a navegación. Chegamos logo a Casiopea e Andrómeda, constelacións que esconden unha historia mitolóxica na que aparece o heroe clásico Perseo, que vence ao xigante Cetus grazas á súa astucia ao usar a cabeza de Medusa, a Gorgona que petrificaba coa súa melena de serpes. Esta figura feminina foi amplamente usada en época romana como elemento protector, aparecendo representada en moitos escudos de lexionarios e emperadores romanos para sentirse protexidos.

O triángulo de verán foi outro elemento que puidemos admirar nesta noite máxica. Trátase neste caso dun asterismo, pois cada unha das tres estrelas que o conforman pertencen a unha constelación diferente. A estrela Altair pertence á constelación da Aguia, Vega á constelación de Lira -ese instrumento musical que toca o bardo de Astérix e Obélix-, e por último, Deneb é a estrela máis brillante da constelación de Cisne.

 

 

Outro elemento a destacar da noite foi o cúmulo globular M13 ou de Hércules, un obxecto do ceo profundo asociado ao heroe favorito dos cidadáns romanos pola súa forza sobrehumana, e que por suposto vían no ceo a súa figura convertida en constelación. E a sorpresa final chegou co visionado do planeta Saturno, cuxo nome remite tamén á mitoloxía romana como deus do tempo e a agricultura polo seu lento movemento.

Na segunda quenda, os participantes puideron ver todo o anterior, mais con pequenos cambios nas posicións de algunhas estrelas, como a Osa Maior e Casiopea, que xiran arredor da Estrela Polar, que permanece fixa no ceo. Como colofón, gozamos da posta da lúa, que desapareceu no horizonte dando por finalizada a nosa observación astronómica.