Publicado o 26/09/2026
VIII XORNADA SOBRE A MUGARDOS ROMANA O Centro de Interpretación de Caldoval organiza a oitava edición da Xornada sobre a Mugardos romana o vindeiro sábado 17 de outubro de 2026, dende as 10:00 da mañá. Unha oportunidade para aprender sobre o noso pasado da man de especialistas no tema. Este ano as charlas centraranse na arqueoloxía na nosa contorna e na gastronomía romana. Este ciclo de conferencias que xira arredor de Mugardos e o seu pasado galaico-romano cos xacementos do municipio como pano de fondo terá como invitadas nesta edición á arqueóloga Vanesa Trevín Pita, cunha conferencia titulada “Arqueoloxía, patrimonio e territorio: ensaios e reflexións desde o Ortegal”, María José Peitieiros, da Asociación Caetra Lucensium, con “De Apicio á mesa: a nosa experiencia culinaria”, e por último o arqueólogo Roberto Bartolomé Abraira, responsable dos recentes traballos na villa romana de Noville o pasado ano 2025, que falará das “Últimas intervencións en Noville”. Unha mesa redonda na que as persoas asistentes poidan preguntar e afondar nos temas previos porá fin á mañá. Este ano, a maiores, realizarase un obradoiro didáctico impartido pola asociación de recreación histórica Caetra Lucensium ás 17:00 h. sobre cuñaxe de moeda romana no que poderán participar persoas adultas e tamén haberá unha modalidade para familias con crianzas a partir de 6 anos. As persoas interesadas en asistir poden anotarse a través do correo electrónico info@museocaldoval.gal ou do teléfono 687 072 116, xa que o aforo é limitado. VIII XORNADA SOBRE A MUGARDOS ROMANA

