Artigos Recentes

Publicado o 19/10/2026

XORNADA SOBRE A MUGARDOS ROMANA 2026

O pasado sábado 17 de outubro, o Centro de Interpretación de Caldoval celebrou a oitava edición da súa Xornada sobre a Mugardos Romana, cita que se repite anualmente. Nesta edición, na que participaron até 55 persoas, as conferencias versaron sobre a arqueoloxía da nosa contorna e a gastronomía romana. Ademais dunha mesa redonda con todas as persoas relatoras, pola tarde celebrouse un obradoiro de cuñaxe de moeda impartido polos membros da asociación Caetra Lucensium.

A xornada comezou ás 10:00 h co discurso de apertura de Ana Varela, tenente de alcalde de Mugardos. Esta, ademais de agradecer o labor organizativo levado a cabo polo persoal do centro, fixo fincapé no rol deste espazo museístico como un no que “pór en valor o patrimonio”, “xerar diálogo”, e “compartir novas investigacións”, convidando simultaneamente a analizar “os retos que están por vir”. A apertura finalizou cunhas palabras de Leonardo González, técnico de proxectos de Trivium ECT e coordinador do devandito centro de interpretación.

Posteriormente, comezou a primeira das tres conferencias, titulada “Arqueoloxía, patrimonio e territorio: ensaios e reflexións desde o Ortegal”. A relatora foi Vanesa Trevín Pita, arqueóloga profesional de Cado Arqueología e cunha vasta experiencia de traballo de campo. Durante a súa intervención compartiu interesantes consideracións sobre o patrimonio arqueolóxico e cultural a nivel local. Así mesmo, tamén compartiu algúns achados, como o dunha villa na zona de San Xiao do Trebo (Cariño), onde se realizaron sondaxes con motivo das obras da capela, nas que apareceron varias dependencias de época romana.

A continuación, María José Peitieiros, socia fundadora da Asociación Cultural de Recreación Histórica Caetra Lucensium e encargada da área de investigación gastronómica da Roma Antiga, deleitou o público cunha conferencia (“De Apicio á mesa: a nosa experiencia culinaria”) na que falou sobre sabores, técnicas e costumes culinarios da Antigüidade romana. María José respondeu a algunhas incógnitas, como cantas comidas realizaba o pobo romano diariamente e como era a súa alimentación, e explicou as diferenzas alimentarias entre as diversas clases sociais. Amais, falou de salsas coma o garum ou viños coma o mulsum, moi típico da época imperial.

Co apetito aberto, realizouse unha pequena pausa para o café, durante a cal se ofreceron varios petiscos. Este espazo non serviu unicamente como momento de repouso, senón que tamén funcionou como estímulo para a conversa entre as persoas relatoras e o público.

Tras a pausa, a xornada continuou coa intervención de Roberto Bartolomé Abraira, arqueólogo da empresa Engobe Arqueología e director das últimas intervencións realizadas na villa romana de Noville (Mugardos), promovidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Na súa conferencia, “Últimas Intervencións de Noville”, revelou os resultados das últimas sondaxes realizadas na villa (2025), e subliñou a importancia de interpretar o patrimonio e transmitilo ás novas xeracións, facendo tamén un chamamento á súa conservación. A mañá rematou cun mesa redonda onde se reuniron as tres persoas relatoras, que compartiron anécdotas e puntos de vista, respondendo igualmente ás abondosas preguntas do público.

Pola tarde, a xornada viviu un momento moi entretido ás 17:00 h grazas ao obradoiro de cuñaxe de moeda impartido pola asociación Caetra Lucensium. O obradoiro desenvolveuse en dúas modalidades: unha para o público adulto e outra para o público infantil. Así, a oitava edición desta Xornada tan especial concluíu cunha proposta que combinou divulgación arqueolóxica, investigación e participación cidadá. Sen dúbida foi unha gran xornada para o Centro de Interpretación de Caldoval!

 

Intervención de Vanesa Trevín.

 

 

 

 

 

 

 

Intervención de María José Peitieiros.

 

 

 

 

 

 

 

Intervención de Roberto Bartolomé.

 

 

 

 

 

 

 

Moedas realizadas durante o obradoiro de cuñaxe impartido por Caetra Lucensium.