Publicado o 29/03/2019
O evento congregará a case 200 escolares dos concellos de Ares e Mugardos, que durante a mañá do xoves 11 de abril, entre as 10 e ás 13h, competirán nunha sorte de xincana a través de 10 disciplinas diferentes, practicadas na antigüidade grega e romana. Durante a xornada @s alumn@s de 5º e 6º de primaria deberán demostrar habilidades como a capacidade de traballo en equipo, a precisión, a coordinación ou a puntería… Entre os exercicios seleccionados para esta primeira edición están os xogos de noces, practicados en Roma habitualmente durante a infancia; xogos de adultos, como o Trigón, do que era moi afeccionado o propio emperador Augusto; probas realizadas para o adestramento militar, como o tiro con arco ou a esgrima e por último deportes herdados da Grecia antiga, coma o salto de lonxitude con halteras (pesas), que formaba parte do pentahlon clásico. Desta maneira tentarase lembrar os grandes Ludi, que se celebraban na Antiga Roma coincidindo con festas importantes, a lembranza dunha batalla famosa ou o trunfo dalgún xeneral ou emperador. No mundo romano estes xogos constituían un grande espectáculo e atraían a numerosos espectador@s que devecían por asistir ás loitas de gladiadores (munera), ás carreiras de carros no circo, ás cacerías de animais salvaxes (venationes) ou ás representacións teatrais (ludi scaenici). O día escollido para a particular olimpíada de Caldoval, o 11 de abril, era unha xornada de transición entre dúas festividades importantes no mundo romano, que contaban cos seus correspondentes xogos: os Ludi Megalenses, dedicados á deusa Cibeles e as Festas Ceriais, na honra de Ceres, deusa da agricultura. O baleiro existente encherase por tanto en Caldoval no ano 2019 cos “I Ludi Mugardensis”. Os obxectivos principais dos ludi son o fomento da convivencia entre alumnado de diferentes centros educativos, da practica do deporte e a mellora do coñecemento sobre o pasado romano. Comezan os “I Ludi Mugardensis”
Unha xornada dedicada ao deporte romano congregará arredor de 200 escolares en Caldoval o 11 de abril.
O mes de abril en Roma estaba dedicado tradicionalmente á deusa Venus e nel desenvolvíanse diversas celebracións que conmemoraban o inicio da Primavera. Era por tanto un período de xogos e festas. O concello de Mugardos e o Centro de Interpretación de Caldoval queren facer a súa particular homenaxe á primavera e ao deporte celebrando a primeira edición dos “Ludi Mugardensis” no exterior das instalacións do “balneum” romano”.

