Artigos Recentes

Publicado o 07/12/2024

ACTIVIDADE SORPRESA DE NADAL

OBRADOIRO PEQUENOS GLADIADORES

O Centro de Interpretación do Caldoval presenta unha nova actividade para o periodo de Nadal de 2024, coa que pechará a programación deste ano. Trátase de Pequenos gladiadores, un obradoiro dirixido a familias con nenos e nenas a partir de 6 anos que se dividirá en dúas partes.

Na primeira parte coñeceremos de forma práctica o mundo destes profesionais do espectáculo da Antiga Roma, os gladiadores e as gladiadoras. Seguiremos paso a paso o seu proceso de entrada no ludus, o cuartel de entreno, e aprenderemos a facer o seu xuramento. Poderemos tamén probar un casco de gladiador e practicaremos esta arte de combate ata convertirnos en profesionais e simular loitas nun anfiteatro como era o máis famoso de todos, o Coliseo de Roma.

Na segunda parte do obradoiro de gladiadores elaboraremos unha lucerna, unha pequena lampariña de aceite que decoraremos con motivos de gladiadores, así como relevos ornamentais, obxectos ambos que poderemos levar a casa.

Dirixido por Fernando Lillo Redonet, doctor en Filoloxía Clásica pola Universidade de Salamanca e catedrático de Latín no IES San Tomé de Freixeiro (Vigo). Acaba de publicar, xunto con María Engracia Muñoz-Santos o libro Gladiadores. Valor ante la muerte (Desperta Ferro, octubre 2024), polo que é todo un experto no tema. A súa traxectoria é ampla: escritor de novelas históricas e numerosos libros de investigación, didáctica e divulgación, entre os seus ensaios históricos están Héroes de Grecia y Roma en la pantalla (2010), Gladiadores: mito y realidad (2011), Fantasmas, brujas y magos de Grecia y Roma (2013), Un día en Pompeya (2020), Hotel Roma. Turismo en el Imperio romano (2022), El Coliseo. Historias de sangre y arena (2023) e Ecología en la Antigua Roma (2023). Colabora habitualmente en Arqueología e Historia Desperta Ferro e Historia National Geographic.

É unha actividade de balde, con prazas limitadas, que terá lugar no Centro de Interpetación do Caldoval ás 11:30 h, cunha duración aproximada dunha hora. É necesaria a inscripción previa para participar a través do correo electrónico info@museocaldoval.gal , teléfono 687072116 (en horario de apertura do centro: venres, sábado e domingo de 10:30 a 14:00 h. e de 16:30 a 20:00 h.), ou nas nosas redes sociais Instagram e Facebook, indicando os seguintes datos:

  • Nome e número de asistentes, especificando cántos menores de idade son, xunto coa súa idade.
  • Teléfono e/ou correo electrónico de contacto.
  • Lugar de procedencia.