Artigos Recentes

Publicado o 23/10/2022

AMBIENTE ÚNICO NA IV XORNADA SOBRE A MUGARDOS ROMANA

O Centro de Interpretación de Caldoval celebrou onte a súa IV Xornada sobre a Mugardos Romana cunha boa acollida por parte do público que asistiu ao evento para desfrutar das conferencias da mañá e da visita guiada organizada a primeira hora da tarde.

A xornada inaugurouse cun discurso de apertura realizado por Juan Domingo de Deus Fonticoba, alcalde de Mugardos, no que destacaba o enorme valor patrimonial do municipio e a importancia da xestión dos bens culturais que alberga. A primeira conferencia correu a cargo de Juan Antonio Carneiro, arqueólogo, profesor e doutorado en Xeografía e Historia, quen realizou un percorrido polos castros da contorna para sinalar os aspectos máis destacados da cultura desta civilización. Marta Becerro, conservadora e restauradora de bens culturais, tomou o relevo coa seguinte intervención para relatar, e amosar en imaxes, as labores de levantamento e almacenamento do xacemento de Caldoval que levou a cabo anos atrás xunto co seu equipo.

Tras unha breve pausa para o café a media mañá, continuouse coa intervención de Leonardo González, técnico da empresa Trivium. Estratexias en Cultura e Turismo, para presentar o Plan Director da Vila romana de Noville á que posteriormente realizouse unha visita guiada dirixida por el mesmo e coa compañía de Fermín Pérez Losada, arqueólogo e director das escavacións realizadas na zona.