Publicado o 07/12/2025
Este sábado 6 de decembro organizouse unha mañá con visitas guiadas á vila romana de Noville (Mugardos), co obxectivo de divulgar o patrimonio arqueolóxico local, que tanto aporta á vida da comarca de Ferrolterra. Esta xa é a segunda ronda de visitas da man do Centro de Interpretación de Caldoval a Noville nestes últimos meses, e aínda así o público volveu mobilizarse para non perderse a oportunidade de coñecer o xacemento arqueolóxico. As prazas completáronse nuns días, incluso tendo que usar unha lista de agarda, vindo xente dende A Coruña, Ferrol e das vilas da contorna, con moitas ganas de coñecer o pasado romano de Mugardos. Coa xente que se achegou e grazas a que o tempo o permitiu, puidemos ver as catas dos traballos arqueolóxicos dos anos oitenta e dos que se levaron a cabo en setembro. Pasamos unha mañá na natureza e empapándonos do mundo romano. Como foron as visitas guiadas a Noville?


