Artigos Recentes

Publicado o 27/11/2017

Conclusións das Xornadas sobre Mugardos Romana.

Este sábado 25 de novembro celebrouse no Centro de Interpretación de Caldoval, un xacemento arqueolóxico do século I da nosa era, as primeiras xornadas adicadas ao legado romano da contorna. Organizadas polo Concello de Mugardos, déronse cita no museo especialistas en baños e termas da Antiga Roma como Silvia González Soutelo, investigadora da Universidade de Vigo; Susana Ricart, directora das escavacións de Caldoval; Ramón Boga, responsable do xacemento de Cambre; e Fernando Lillo, doutor experto en divulgación dos xogos romanos.

Pilar Díaz, a alcaldesa da vila, deu a benvida ás preto de cincuenta persoas que se inscribiron ás xornadas. Entre os asistentes houbo destacadas do mundo ca cultura e do patrimonio arqueolóxico como Xosé María Vello, Andrés Pena Graña ou o profesor Bernardo Máiz.

A xornada dividiuse en dous bloques seguidos das súas respectivas quendas de preguntas e debate. O primeiro bloque versou sobre cuestións de tipo arqueolóxico. Comezou pola directora das escavacións de Caldoval entre os anos 2000 e 2006, Susana Ricart. Na súa intervención púidose coñecer todo o proceso de intervención dun xacemento moi complexo que aínda ten numerosas incógnitas sobre a mesa. De seguido falou a Investigadora da Universidade de Vigo, Silvia González Soutelo, que axudou a contextualizar os restos de Caldoval dentro da variedade de tipolóxica de baños de época romana. Deste xeito trazou un panorama xeral da situación dos baños romanos na actualidade en Galicia, onde na actualidade só se poden visitar catro xacementos.

O segundo bloque estivo dedicado ao mundo da divulgación e difusión arqueolóxicas. Abriu a sección Ramón Boga técnico do xacemento romano de Cambre e Concelleiro de Xuventude, Turismo e Patrimonio. Na súa charla fixo un percorrido polos 15 anos de vida do centro de interpretación que alberga os baños romanos de Cambre, falando dalgunhas actuacións de grande éxito como a celebración das «xornadas castrexas» ou a festa de recreación histórica “Gallaicoi”.

Tomou o relevo Fernando Lillo Redonet, profesor do IES San Tomé de Freixeiro, que falou da aplicación didáctica dos xogos romanos ás aulas e en obradoiros didácticos. O xogo en Roma era unha actividade transversal que afectaba a tódalas esferas da vida. A través da súa intervención os asistentes puideron comprobar como moitos dos xogos tradicionais que se xogaban en Galicia xa estaban presentes no mundo romano como as tabas, o xogo do aro, o xogo do muíño, o alquerque…

Rematou a xornada co intervención de Leo González, técnico de Trivium Estratexias en Cultura e Turismo, que traballa actualmente no Centro de Interpretación de Caldoval. Na súa charla fíxose balance dos dous primeiros meses de vida do centro e das actividades nel desenvolvidas. Os máis de 2.000 visitantes que teñen acudido o centro e participado nas visitas guiadas, obradoiros didácticos, xornadas de divulgación e outros eventos dan unha idea do grande interese que está suscitando esta instalación entre os habitantes de Mugardos e de toda Ferrolterra. Un inicio tan espectacular da novos folgos ao concello de Mugardos para seguir promocionando o Centro de Interpretación do Caldoval e renovando a súa oferta de servizos.