Publicado o 08/11/2025
VISITA Á VILLA ROMANA DE NOVILLE O Centro de Interpretación de Caldoval realizará dúas visitas comentadas na villa romana de Noville para celebrar o Día Internacional do Patrimonio Mundial que é o domingo 16 de novembro. A visita guiada a Noville permitiranos coñecer in situ esta magnífica villa a mare mugardesa, un patrimonio a poñer en valor no que recentemente se fixeron novas catas pero do que aínda queda moito por descubrir. Nela transportarémonos ao século III d.C., a un ambiente de luxo que compararemos cos humildes baños de Caldoval, do século I. A primeira quenda para estas visitas do domingo 16 de novembro será en horario de mañá, ás 12:30 h., e a segunda quenda será en horario de tarde, ás 16:30 h. A actividade terá unha duración aproximada de 45 minutos, sendo para todos os públicos e gratuita. O lugar de encontro será o tanque de tormentas do lugar do Monte (Franza), e é preciso levar calzado cómodo ou botas de auga. As persoas interesadas deberán reservar praza no teléfono 687072116 en horario de apertura (de venres a domingo de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 h.) ou enviando un correo con nome e número de participantes a info@museocaldoval.gal DÍA DO PATRIMONIO MUNDIAL 2025

