Publicado o 01/12/2024
Festexa o Nadal 2024 en Caldoval Dende o Centro de Interpretación de Caldoval presentamos a programación de Nadal, días festivos nos que se amplía o horario de apertura e se organizan actividades para desfrutar en familia. Nestas datas o CIC estará aberto o 26, 27, 28 e 29 de decembro de 2024, así como o 3, 4 e 5 de xaneiro de 2025. Coa intención de celebrar estas datas, dende Caldoval propóñense dous obradoiros especiais encadrados na festividade romana das “Saturnalia”, adicada ao deus Saturno. Esta festa, unha das máis populares en Roma, celebrouse dende a época do César entre o 17 e o 23 de decembro, coincidindo coa fin da sementeira e dos traballos agrícolas. O último día das “Saturnalia” remataba coas “Sigillaria”. Nesa data a costume era regalar pequenas figuriñas de cera ou cerámica a familiares, amigos íntimos e aos nenos e nenas. Ata existían pequenos comercios onde se podían mercar estes agasallos. É moi probable que a tradición dos presentes de Nadal teña aquí a súa orixe e fose adaptada posteriormente polo cristianismo. Será preciso facer inscrición previa para participar nos obradoiros. Ambos terán unha duración aproximada de 40 minutos. Podedes apuntarvos no teléfono 687 072 116 (en horario de apertura do centro) ou a través do correo electrónico info@museocaldoval.gal así como a través das nosas redes sociais: Instagram @museocaldoval e Facebook. Nadal en Caldoval