Artigos Recentes

Publicado o 21/02/2018

Os venres escolares están completos ata xuño!

Ao pouco de abrir as súas portas, o Centro de Interpretación de Caldoval, no Concello de Mugardos, puxo en marcha o seu programa didáctico dirixido á comunidade escolar. Os venres no museo romano están dedicados fundamentalmente a atender a visita dos centros educativos da comarca e de toda Galicia que se achegan para coñecer, a través de visitas guiadas específicas e dos talleres sobre a vida na Antiga Roma, un xacemento único no noroeste peninsular. Patricia e Rocío, as nosas guías e monitoras, encárganse de recibir aos grupos e percorrer con eles a exposición e os vestixios de hai 2.000 anos. A combinación deste tour e a realización de obradoiros como o Ludi Romani, onde aprenden a construír xogos de mesa romanos; O Perfume do César, onde elaboran o seu propio ungüento aromático e coñecen os códigos estéticos da época; Pintores de Roma, dirixido aos máis pequen@s; e Artista dos Mosaicos, onde descobren que os baños termais estaban decorados con pequenas teselas; constitúen unha xornada didáctica moi proveitosa para a docencia.

A experiencia é tan positiva que xa temos reservados para os centros escolares tódolos venres ata xuño de 2018. Todo un éxito para o Centro de Interpretación e para a dinamización da vila. Ademais, os venres pola tarde o museo permanece aberto en horario habitual de 16:00 a 20:00 para a visita libre á exposición. Tanto a entrada ao recinto, as visitas guiadas, como os talleres didácticos son de balde. Non obstante é aconsellable reservar praza chamando ao 687 072 116 ou escribindo un correo a info@museocaldoval.gal.