Artigos Recentes

Publicado o 15/10/2023

UN ANO MÁIS, A V XORNADA SOBRE A MUGARDOS ROMANA ATRAE AO MUSEO A AMANTES DA HISTORIA E DA ARQUEOLOXÍA

O Centro de Interpretación de Caldoval celebrou onte a súa V Xornada sobre a Mugardos Romana cunha boa acollida por parte do público que acudiu ao evento para desfrutar do ciclo de conferencias protagonizadas por algunhas caras novas e outras máis familiares para os asistentes.

O acto inaugurouse cun discurso de apertura realizado por Juan Domingo de Deus, alcalde de Mugardos, no que facía referencia á importancia do patrimonio conservado no municipio e a súa posta en valor con actuacións como as propias Xornadas. A primeira conferencia correu a cargo de Susana Ricart Guillot, directora das escavacións do xacemento de Caldoval, actualmente integrante do equipo Proxecto Viveiro e especializada en arqueoloxía subacuática, quen facilitou o contexto falando do papel estratéxico e comercial de Mugardos dentro do territorio do Golfo Ártabro. Acudindo por primeira vez ao museo como poñente, Samuel Nión Álvarez, investigador posdoutoral da Universidade de Santiago de Compostela e do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, tomou o relevo falando da primeira escavación realizada no castro de Tralocastro (Esmelle), da que foi director, e desvelando algúns dos primeiros resultados do proxecto.

Tras unha breve pausa para o café a media mañá, poñíase o punto final ao evento coa intervención de Fernando Lillo, doutor en Filoloxía clásica e catedrático de Latín do IES San Tomé de Freixeiro, quen aportou o toque humorístico á Xornada mediante a explicación, a partir de divertidos exemplos escritos, do sentido do humor dos nosos antepasados romanos dentro das termas e baños.